O BNG denuncia as irregularidades do proceso de selección do novo persoal da Torre

Con motivo da presentación do novo persoal da Torre de Hércules, logo de que o Goberno local provocara o despedimento inxustificado dos anteriores empregados, o Grupo Municipal do BNG reitera as irregularidades detectadas no proceso de selección, comezando pola entrevista arbitraria, proba que obtivo maior peso no proceso de selección, e iso malia que as bases do concurso non recollían ningún criterio de valoración ao respecto. É por iso que o BNG advertira de que se trataba dunha oposición encuberta, ao facilitarse que o tribunal puntuara as cualificacións de xeito subxectivo, sen ningunha pauta de valoración.
Tal e como denunciaran os nacionalistas esta discrecionalidade provocou que a persoa que obtivo unha maior puntuación en méritos, con 12 puntos (dun máximo de 12), só conseguira un 1,25 na entrevista (dun máximo de 10), e que, pola contra, unha persoa que obtivo só un 6 nos méritos (dun máximo de 12) acadara a nota máis alta na proba da entrevista, un 9,75 (dun máximo de 10). Precisamente esta última foi a escollida para a praza de Coordinador/a Director/a.
Ademais, a proba da entrevista puntuou máis do permitido pola lei. Como mostra, para o posto de Coordinador-Director da Torre estabeleceuse un máximo de 10 puntos para a entrevista, o que supón o 45,45 por cento do total da puntuación do proceso, cando existen sentenzas que indican que non pode superar o 25 por cento. O mesmo aconteceu no caso dos Informadores Turísticos, que se puntuaron cun máximo de 10 puntos que equivale ao 37 por cento, cando non podería superar o 25 por cento do total.

O BNG cualifica as bases de chapuza

Os nacionalistas xa cualificaran de chapuza as bases para a convocatoria de contratación de persoal laboral da torre. E é que a temporalidade do contrato non estaba xustificada (xa que a xestión debería ser permanente, con postos de traballo indefinidos e non temporais) e porque a composición do tribunal cualificador foi irregular dado que, tal e como indica a normativa, (concretamente, o artigo 60 do Estatuto Básico do Empregado Público) "a pertenencia aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación o por conta de ninguén". E nestas bases sinalábase que formarían parte do tribunal un representante da Cámara de Comercio, un representante da Autoridade Portuaria, un representante da Escola de Turismo e un representante do Instituto Torre de Hércules. Tamén se recollía que "o Tribunal poderá contar coa asistencia e asesoramento de representantes no sector hoteleiro, hostaleiro e comercial", o que contradí a normativa.

Irregularidades nos cortes de puntuación, nas bolsas de traballo e nos
idiomas e coñecementos informáticos


Outras das irregularidades detectadas polos nacionalistas teñen a ver cos cortes de puntuación en función do número de solicitudes e da puntuación obtida (xa nunha proba destas características non pode deixarse de sumar nada) e coa bolsa de traballo (ao non explicitarse en base a que e como se constituirá a correspondente bolsa de traballo).
Tamén denunciaron os nacionalistas ás vaguidades que atoparon na puntuación dos coñecementos de idiomas ou coñecementos informáticos para o posto de coordinador/a-director/a da Torre e para o de informadores turísticos.
No caso dos informadores turísticos, detectaron discriminación das persoas que teñen traballado 120 meses en período de 8 meses, xa que nos requirimentos pídese unha experiencia mínima de un ano continuado. Engaden que a cláusula sobre o número de prazas que se convocan está mal regulada.
Ademais, o BNG xa criticara o escurantismo dos criterios na contratación das persoas que exercerán a función de limpiadores e limpiadoras, cunha acreditación de cursos de atención ao público de máis de dez horas e cunha entrevista sobre a atención ao público e a organización das tarefas.
 
Obras "ridículas" na Torre

Os nacionalistas tildan de ridículas as obras na Torre, xa que se trata de actuacións de sinaléctica e accesibilidade que para nada xustifican o feche do monumento patrimonio da humanidade durante 5 meses.
O BNG advirte de que o carácter menor das obras das que tanto presume o PP non xustifican para nada o feche do monumento patrimonio da humanidade durante tantos meses. Trátase, basicamente, de actuacións en materia de sinaléctica, iluminación e accesibilidade.
Os nacionalistas ironizan con estas obras de “calado”: como cambio de vinilos explicativos, supresión de escalóns, instalacións de marcos devidro, colocación de luces ou cambios de portas.

No hay comentarios: