Carril: "coa mobilización social e con ilusión pódense cambiar as cousas"

O portavoz nacionalista pon en valor o traballo dos movementos sociais, que "contribúe para cambiar as cousas"


O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo en valor esta mañá o labor dos movementos sociais, como se vén de demostrar no caso do desafiuzamento da Sra. Aurelia. "O traballo destes movementos contribúe a crear a sociedade civil, a concienciación e a capacidade crítica para cambiar as cousas", salientou.

Carril, que estivo concentrado no portal do número 9 da rúa Padre Feijóo desde as 6 horas, apuntou que "as cousas poden cambiarse se un ten ilusión e a crenza de que por suposto poden cambiarse". "Proba evidente disto é que persoas desarmadas, só con ilusión, evitamos unha inxustiza", engadiu. Ademais, emprazou as distintas institucións e organismos a non mentir porque "de volver mentir, saben que estaremos na rúa, para lles facer fronte, e seremos moitas máis persoas".

As concelleiras do BNG e outros representantes institucionais e orgánicos da formación frontista seguen concentrados ás portas do edificio en que vive a Sra. Aurelia.

O BNG solicita a comparecencia do ministro de Interior para que explique a razón pola que emprega a violencia en casos de desafiuzamento.

Congreso

Pola outra banda, a portavoz do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, para que explique que directrices está a dar desde o Ministerio ás forzas e corpos de seguridade do Estado nas situacións de desaloxos de persoas das súas vivendas, logo da actuación policial na concentración pacífica de onte.

Rosana Pérez pon en cuestión o comportamento da policía nacional na mobilización de onte e salienta que "non é de recibo que vexamos como axentes da policía nacional utilizan a violencia cando se trata de situacións delicadas desde o punto de vista humanitario". A deputada do BNG afirma que "estamos ante un auténtico problema social que vai in crescendo e o Goberno non pode actuar a golpe de carga policial porque se trata de defender a cidadáns en situacións de desprotección fronte aos abusos bancarios".

No hay comentarios: