Os traballadores da Fábrica de Armas inician un peche de 48 horas en contra do ERE

Os máis de 170 dos traballadores/as da Fábrica de Armas iniciaron na tarde deste martes un peche no interior das instalacións da Coruña, en rexeitamento ao ERE presentado por Santa Bárbara Systems (do Grupo General Dymanics) e as pretensións de rematar coa actividade da empresa. A medida de presión estenderase até a tarde do próximo xoves.

O calendario de mobilizacións continuará a próxima semana, coa convocatoria dunha folga de dous días. Aproveitando os paros, os traballadores/as trasladaranse na noite do martes até Madrid, para mobilizarse ao día seguinte diante da sede de General Dynamics, xa que alí terá lugar unha nova reunión do período de consultas do ERE. 
Así mesmo, o xoves 7 de marzo, o persoal realizará unha marcha a pé dende a fábrica até a Delegación do Goberno, que sairá por volta das 10:30 horas.

Dende a Sección Sindical da CIG criticaron a falta de documentación achegada por parte empresa, así como o inmobilismo amosado até o de agora a respecto das posíbeis alternativas ao expediente de extinción para o conxunto do cadro de persoal e o peche da factoría.
O responsábel da sección sindical, Xabier Rioboo sinalou que dende a CIG se continúa defendendo a necesidade de combinar os pedidos do Ministerio de Defensa coa busca de carga de traballo no ámbito civil, e mesmo sábese de empresas de ámbito galego que estarían interesadas en facer pedidos á fábrica coruñesa.

Proposta

Porén, denuncia, a empresa négase a aceptar calquera proposta alternativa de traballo. Por iso, aseverou que "teñen un plan estabelecido e parece que non lles cabe outra opción que o peche da fábrica”. Neste senso, dende a Sección Sindical volveron censurar que o grupo General Dynamics non teña cumprido cos compromisos de inversións tecnolóxicas e achega de carga de traballo que adquiriu no momento da súa privatización.

En canto ás declaracións feitas dende o Ministerio de Defensa desentendéndose da decisión do grupo empresarial, Rioboo denunciou que "parece que antes de saber sequera como rematará este proceso xa se estivesen repartindo do pastel". 

No hay comentarios: