Os universitarios coruñeses sairán mañá día 25 á rúa en defensa dunha educación pública

A comunidade universitaria coruñesa sairá mañá 25 de abril á rúa cos seguintes obxectivos:

- Mostrar abertamente o seu labor cotiá e crear conciencia de que NON pode haber unha sociedade democrática e avanzada sen unha boa universidade pública, accesible para todas.

- Denunciar os recortes que están a sufrir as universidades públicas, poñendo en perigo o seu labor social, investigador e docente.

- Denunciar o intento de poñer a universidade pública ó servizo das grandes empresas e bancos, para que máis tarde pasen a estar directamente gobernadas por estas entidades.

- Denunciar a diminución da autonomía universitaria e o progresivo retroceso dos modelos de xestión e gobernación.

- Esixir a eliminación da brutal suba de taxas que asumiu a maioría do alumnado do Estado este ano.

- Esixir a implantación dunha política de bolsas pública, xeral e suficiente, convertendo a universidade nunha institución accesible e democrática.

- Esixir condicións dignas e estables para os cadros de persoal das universidades públicas e centros de investigación, tanto PAS, como PDI, como traballadoras e traballadores de empresas contratadas como reprografía, cafetaria e limpeza.

- Esixir unha defensa coherente e digna dos organismos públicos de investigación e das universidades públicas por parte das autoridades académicas, evitando traspasar as liñas vermellas que implican a participación cómplice no seu desmantelamento.

- Esixir o cese dos recortes en I+D+i e un financiamento orzamentario suficiente para acadar o obxectivo do 2% de PIB en 2015.

- Esixir a derrogación do Decreto 14/2012 que conculca o principio constitucional de autonomía universitaria e mostrar un profundo rexeitamento á LOMCE, así como ás propostas que, co pretexto de mellorar o noso sistema educativo, soamente contribúen ao seu deterioro.

- Esixir a rectificación inmediata das políticas actuais por parte das autoridades competentes dacordo co exposto nos puntos anteriores.

Neste cartaz –> CartelUDCnaRua pódense ver os distintos horarios (que comezan, o máis pronto nalgún sitio, ás 10:00, e rematan nalgún caso ás 20 horas), persoas que falarán, nome da charla e ubicacións nas que terán lugar os actos (Obelisco, Campo de Leña, Praza de Pontevedra, Xardíns de Méndez Núñez, Praza do Humor e Praza de María Pita).

En conclusión, a comunidade universitaria sairá á rúa co obxectivo de concienciar á xente da imposibilidade de acadar unha universidade pública, de calidade e accesible para todas coas constantes políticas de recortes que están levando a cabo un retroceso tanto nos modelos de xestión, como no propio avance cara as melloras educativas.

Esixen unha universidade con organismos de investigación e que non estea dirixida polas grandes empresas e os bancos.

Esixen un NON á suba das taxas e ás falsas propostas que aseguran mellorar o sistema universitario mentres contribúen ao acercamento a unha institución cada vez máis deteriorada.

Por todo isto, o 25 de abril, a UDC sae á rúa!

No hay comentarios: