EU considera unha irresponsabilidade malgastar millonadas nas obras da Mariña

O BNG denuncia que o PP pretende construír o túnel da Mariña por conta da cidadanía para que a Autoridade Portuaria faga negocios urbanísticos


Esquerda Unida considera unha irresponsabilidade malgastar millonadas en soterrar o tráfico na Mariña en plena crise. O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que o proxecto está fora de contexto e non resolverá os problemas de mobilidade porque simplemente os soterra. Na súa opinión, "semella indecente malgastar 32 millóns e medio para saciar os delirios de grandeza do alcalde cando unha de  cada catro persoas atópase en risco de exclusión social".
Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno local que paralice o proxecto ata que finalice a crise, se recupere a economía local e abandonemos a emerxencia social.


BNG

Pola súa parte, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o PP pretende construír o túnel da Mariña por conta da cidadanía para que a Autoridade Portuaria faga negocios urbanísticos, xa que poderá facer caixa coa superficie do túnel cando os peiraos estean desafectados. 

As nacionalistas critican que o Concello da Coruña vaia pagar 16,5 millóns dos 18,5 millóns que custará a obra (16,5 a construción do túnel e 2 millóns a urbanización da superficie) e que a gran beneficiada, a Autoridade Portuaria, pagará só 2 millóns de euros. Ademais, tal e como advertiu a Intervención municipal no expediente que foi a Xunta de Goberno Local extraordinaria, o Concello será quen asuma a conservación e o mantemento das obras executadas.

As nacionalistas advirten de que xa o PXOM contempla o soterramento do viario e a desafectación dos terreos (cualificados como solo urbano non consolidado) para que se poida urbanizar. Ao construír este túnel, cuxo custo ascende a 16,5 millóns, quedará liberada a superficie e poderase perpetrar o desenvolvemento urbanístico dos peiraos (previamente desafectados). 

O Grupo Municipal do BNG alerta de que o Concello da Coruña financia unha obra que non lle corresponde para que a Autoridade Portuaria faga negocio coa venda dos peiraos, unha vez desafectados e liberada a superficie do viario.

O BNG sinala que "o túnel é innecesario xa que na área da Mariña a accesibilidade está suficientemente garantida nas condicións actuais".

No hay comentarios: